martes, 24 de marzo de 2020

TRABALLANDO NA CASA. EQUIPO DE AUDICIÓN E LINGUAXE (1ª ENTRADA)

Boas a tod@as:
Esperamos que esteades pasando o mellor posible estes días na casa. Dende o equipo de AL queremos ofrecervos alternativas de xogos e actividades que fagan máis levadeiro o tempo estes días, que permitan manter certas rutinas cos rapaces e rapazas e, sobre todo, que sirvan para que os nenos e nenas continúen aprendendo habilidades no ámbito comunictivo-lingüístico.
Sobre todo, tratamos de ofrecer recomendacións para todos os niveis e para que poidades escoller aquelas alternativas que máis se axusten as vosas posiblidades, tempo e recursos. Así mesmo, trataremos de ir ofrecendo material complementario que vos axude para levar a cabo todas estas actividades. 
Xa nos contaredes que tal resultaron. Animámosvos incluso a sacar algunha foto realizando algunha delas para que, á volta, eles nos poidan amosar o que fixeron.
RECOMENDACIÓNS PARA FAVORECER A COMUNICACIÓN (especialmente indicado para os niveis 1 e 2)
Lembrade sempre que, para favorecer a comunicación, non debemos adiantarnos aos desexos do neno/a. Así, debemos non adiantarnos ás súas intervencións e dar tempo para que se expresen (a través de palabras, imaxes ou xestos) sempre da forma máis completa posible e premiando estas interaccións. Algúns consellos para favorecer as interaccións comunicativas:
  • Amosar algo do seu interese e esperar a que o pida para entregarllo.
  • Non dar axuda nun primeiro momento, favorecendo que sexa el/ela quen a solicite (xa sexa mirando, empregando unha palabra ou xesto, elaborando unha frase...).
  • Facer preguntas sinxelas (que poderá contestar con xestos, miradas, empregando unha ou dúas palabras...).
  • Dando ordes sinxelas e vinculadas a rutinas habituais (buscamos que as comprenda).
  • Os apoios visuais de imaxes (fotografías, obxectos, pictogramas...) axudan moito á comprensión e expresión dos nosos nenos e nenas.
XOGOS E ACTIVIDADES SINXELAS QUE PODEDES FACER COS NENOS E NENAS
  • Sentarse a ver fotografías familiares e/ou imaxes buscando favorecer a comunicación (en función das posiblidades de cada neno/a): facer preguntas sobre o que se ve (que, onde, como...), localizar elementos da imaxe (onde está...), describir (con palabras, xestos ou frases sinxelas),...
  • Lectura conxunta de contos: na que poidamos comentar o que vamos vendo, facendo preguntas sobre o que vemos, ordenar imaxes en función do que observamos (iremos ofrecendo materiais adaptados que podedes empregar). 
  • Xogos coma memory, bingos, localizar o intruso,... que favorezan habilidades cognitivas (memoria, atención,...) así coma a comunicación (adquisición de vocabulario, comprensión,...).
  • Favorever a comprensión da linguaxe a través de actividades sinxelas da vida diaria: ordenamos unha habitación, cociñamos, aseámonos, colocamos o armario, poñemos a mesa... Así, traballamos a comprensión de ordes sinxelas e aprendemos vocabulario.
  • Facer receitas de cociña sinxelas. Favorece habilidades coma: comprender e seguir ordes sinxelas, aprender vocabulario, ler e escribir... 
  • Vídeos en Youtube que sexan do interese dos nenos e nenas. Aínda que sabemos que non debemos abusar deste recurso, pode ser moi útil se compartimos con eles/as este tempo. Podemos despois facer preguntas sobre o que ven, cantar cancións, aprender os xestos vinculadas a estas para repetir despois... 
  • Contos interactivos ou vídeos de contos en diferentes formatos. Existen apps para a tablet con contos interactivos, contos en youtube con sombras, debuxos, etc.
  • Para desenrolar a capacidade respiratoria son interesantes os xogos de sopro de chifres (silbatos), inflado de globos, sopro de velas, sopro de pelotas de ping-pong...
  • É interesante desenrolar a musculatura maxilofacial facendo xestos que o neno ou nena terá que imitar: a moto, o cabalo, o avión, movendo a lingua de distintas maneiras, movendo os labios ou as mandíbulas... 
  • Por último, recomendamos para os casos nos que exista tensión muscular frecuente, especialmente na zona facial e do pescozo, exercicios de relaxación tanto xeral coma centrados nestas zonas. 
Lembrade que, ao longo destes días iremos ofrecendo materiais e recursos que vos axuden a levar a cabo estas ideas na casa. Esperamos vos resulten de interese.
Equipo de Audición e Linguaxe do CEE A Barcia

No hay comentarios: