martes, 9 de octubre de 2012

Reunión de pais

O pasado día 1 de outubro, celebramos no centro unha reunión de pais. Dámosvos as grazas a todos aqueles que asistíchedes, e animamos ós que non o fixeron para que o vindeiro curso participedes.
Recibíronse ás familias no Salón de actos, onde o equipo directivo presentou ó profesorado e a nova Xefa do departamento de Orientación, Carmen.
A reunión resultou moi interesante, xa que se tocaron temas importantes que resumiremos aquí:
  • Aínda estamos á espera da escolarización dalgún alumno. En concreto temos catro alumnos que esperamos que en breve se escolaricen no noso colexio. Isto pode provocar algunhas modificacións en canto a tema de persoal, xa que esperamos que nos doten cun titor máis.

  • O comedor escolar estivo en obras durante o verán co fin de ampliar o espazo e facelo máis cómodo para o noso alumnado. Isto levou consigo un cambio no horario do comedor. Agora todo o alumnado xanta á mesma hora. O profesorado asume labores educativas e pedagóxicas dentro do comedor.

  • O centro continúa a participar dentro do programa ARCE. Está prevista unha viaxe a Murcia no mes de Novembro despois da boa experiencia que resultou ser a viaxe a Palma de Mallorca

  • Este curso tamén está prevista a organización dunha xornada de portas abertas, onde alumnos, profesionais e familias poidan visitarnos.

  • Asímesmo tentarase impulsar o uso e aproveitamento das novas tecnoloxías. O profesorado levará a cabo un grupo de traballo sobre este campo, co que esperamos aprender moitas cousas que nos poidan servir para o mellor desenvolvemento da nosa labor docente.

  • Plan de autoprotección do centro: O día 8 de outubro tivo lugar unha charla e posterior simulacro para o persoal do colexio.  
Tamén se fixeron algunhas recomendacións:
  • Para nós é moi importante que as comunicacións persoais que fagades ó centro, sexan en sobre pechado á atención da persoa á quen vai dirixido. Tamén podedes utiliza-lo teléfono. Evitaremos na medida do posible, que as comunicacións sexan a través dos conductores ou acompañantes do autobús, xa que son persoal alleo ó centro que non ten por qué asumir esas labores.

  • Non deberá asistir ó colexio alumnado enfermo. Temos que evitar na medida do posible o contaxio, xa que hai rapaces que están moi delicados de saúde. No centro contamos cunha médica e dúas enfermeiras, pero non contamos cun espazo físico no que un alumno poida estar ó seu coidado. Isto sumado a que o equipo médico está en continuo movemento polo centro atendendo as necesidades que poidan xurdir. Isto será fundamental para o benestar físico dos vosos fillos, xa que pensamos que non resulta moi cómodo estar nunha aula se te atopas mal.

  • En canto a roupa, pedímosvos que enviedes os rapaces con roupa cómoda, que lle dea liberdade de movementos e que ó mesmo tempo promova a súa autonomía. O calzado será preferible con velcro, xa que para eles é máis fácil de poñer. Evitaremos no posible botóns ou cremalleiras. Non estaría de máis contar cun mandilón para evitar manchas de pintura ou de comida na roupa. Para o alumnado en cadeira de rodas sería importante que trouxeran unha capa abrigosa para poder poñer e quitar con facilidade. Isto evitaría manipulacións innecesarias e aforraría moito tempo.

  • Será moi importante que as familias manteñan unha relación fluída cos profesionais do centro para facilitar a continuidade da nosa labor.

  • Fomentaremos a autonomía dos rapaces. Normalizaremos en todo o posible a súa vida. Será moi importante que usedes unha linguaxe adecuada a súa idade, evitando dirixirnos a eles con expresións infantiles. É importante que non se lles dea todo feito, encomendarlle tarefas dentro das súas posibilidades.

  • A partir das 15:00, os alumnos serán atendidos por outros profesionais do centro que non son os mestres (educadoras e coidadores). As actividades que se fan son básicamente de ocio. Lévanse a cabo cambios posturais, algúns descansan un pouco, ven a tele, xogan cos xoguetes etc.
Dende o DEPARTAMENTO MÉDICO, tamén se deron algunhas recomedacións:



  • Non enviedes a medicación sen receita, nin en blisters abertos  na mochila do alumno.
  • Calquera cambio que se produza na medicación será comunicado ó centro, ainda que non se vaia a suministrar en horario escolar. Así mesmo comunicaredes calquera alteración de saúde, alimentación etc.
  • Debedes enviarnos unha copia dos informes médicos ou psicopedagóxicos que sexan novos para telos nos expedientes dos alumnos baixo a ley de confindencialidade e protección de datos.
Agradecemos a vosa colaboración para mellorar na medida do posible o funcionamento do noso colexo.
 

No hay comentarios: