sábado, 11 de enero de 2014

Unha de cociña ( mouse de turrón á mandarina)

Antes de nada, dende o Cee A Barcia, queremos desexarvos un feliz ano para todos aqueles que nos acompañades e nos seguides tan asiduamente. Esperamos que este ano veña cargado de cousas boas e que sigades a compartir con nós todas as nosas experiencias. 

 Todavía nos quedan cousas estupendas do ano pasado por contarvos. Despois de recibir ós Reis Magos, tivemos unha sorpresa no comedor. Temos a sorte de contar cun estupendo equipo de cociña que ademáis de alimentarnos moi ben, mímanos moito como así o demostrou coa comida do último día antes das vacacións de Nadal. Tratábase dun menú sorpresa, composto por un coctel de marisco e un xarrete estofado con guarnición de verduriñas. Todo estaba tan ben presentado e con tanto cariño que nos puxemos moi contentos. Foi todo un agasallo.

O noso equipo de cociña


Coctel de marisco

Xarrete con verduriñas

 Tamén tivemos un postre moi especial. Tratouse dunha mouse de turrón á mandarina que tivo moitísimo éxito. Ímosvos a deixar a receita porque aínda que xa pasou o Nadal, seguro que tedes algunha tableta de turrón que vos sobrou e non sabedes que facer con ela. Seguro que triunfaredes.

MOUSE DE TURRÓN Á MANDARINA


Ingredientes:
-700 ml de nata líquida
-300 gr. de turrón brando
-1 vaso de leite
-100 gr. de améndoas crocantes

Para a xuliana de mandarina confitada:
-1 mandarina
-2 culleradas de auga
- 2 culleradas de aceite de xirasol
-4 culleradas de azúcre

Preparación da xuliana:  
Cortar a monda da mandarina moi fina. Colocar todos os ingredientes nunha tixola. Deixar a lume baixo uns 30 minutos. Escorrer a monda para un coador e separar ben. Arrefriar.






 Preparación da mouse:
-Quentar o leite e disolver nel o turrón. Triturar.

 
-Deixar arrefriar esta mestura .
-Montar a nata engadíndolle o zume de media mandarina. 


-Mesturar a mandarina coa crema (mouse) de turrón con movementos envolventes.
-Encher copas ou cuncas e deixar na nevera unhas horas.
-No momento de servir engadirlle o crocante de améndoas  e a xuliana de mandarina confitada.


Esperamos que vos guste. Bo proveito!

1 comentario:

Susana Vila dijo...

Impresionada!!!, mummmm...pero que ben comedes aí. Vaia platos!!!, Que fame. A receita do turrón é impresionante, agora só queda probala. Desexarvos unha feliz travesía neste 2014